mércores, 13 de abril de 2016

Mulleres no audiovisual galego


Intereseime polo tema do audiovisual galego xa que quero estudar algo en relación a isto, e atopeime unha noticia na que se falaba concretamente das mulleres. Hai uns anos creouse unha asociación co obxectivo de darlle importancia e valorar o traballo das mulleres no sector audiovisual. Chámase CIMA e conta con delegación en Galicia. Entre as actividades que se fixeron e se fan destaca a de denunciar os incumprimentos en materia de xénero, apoiar a Administración para que realice políticas que promovan a presenza feminina no sector. Organizan unha mostra de cine con filmes dirixidos por mulleres que se proxectan en cidades diferentes repartidas por toda Galicia. A delegada en Galicia é Chelo Loureiro e, como suplente, Marta Villar.
Despois de mirar diferentes noticias dinme conta de que temos na nosa terra mulleres no audiovisual moi boas, con moito potencial e sobre todo recoñecidas con premios fora das nosas fronteiras.

NEREA BARROS.
É actriz, naceu en Santiago de Compostela, vinculada á compañía galega Nut Teatro, debutara no cinema moi nova na longametraxe Nena. Con experiencia en teleseries autonómicas e estatais, traballou en diversas producións de Xamalú Filmes. Pola Isla Mínima recibiu en 2015 o premio Goya á actriz revelación.
A parte ten cursos de danza, é percusionista, estudou cabaré, interpretación, teoría do teatro, actuación diante da cámara e preparación física de intérpretes.
MARGARITA LEDO
Directora, é de Castro de Rei, Lugo. Directora cinematográfica, escritora e profesora catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. Ten publicado numerosos traballos de investigación sobre o sector audiovisual, nos que entre outros eixos destacan as culturas minorizadas e o formato documental. Dirixe o Observatorio do Audiovisual Galego (ODA), preside a Federación Lusófona de Ciencias da Comunicación (LUSOCOM) e a Asociación Galega de Investigación en Comunicación (AGACOM), tamén pertence a comisións executivas e consellos editoriais de diversas entidades e publicacións. Respecto á súa formación é Doutora en Ciencias da Comunicación pola Universitat Autònoma de Barcelona e foi investigadora asociada no Département d’Etudes Cinematographiques et Audiovisuelles de Paris. Recibiu o Premio Nacional de Cinema e Audiovisual (Xunta de Galicia, 2008).
ROSA CASTRO
Guionista de Foz (Lugo) . É unha das guionistas máis importantes da televisión galega. Fixo á vez na TVG os labores de presentadora, directora e redactora de programas informativos, divulgativos, de entretemento e culturais. "Cousas da Lingua", "Vivir Aquí", "Mira que vén", "Tango" ou diversos "Telexornais" foron algúns dos seus espazos. Actualmente é a presentadora e redactora do informativo "Galicia Noticias Serán". Comezara no eido da ficción como guionista en 1997 con "Mareas Vivas". Desde entón participou en prácticamente todas as series galegas, como dialoguista, argumentista, editora e directora argumental. É autora de diversos guións cinematográficos e teatrais. Tamén foi profesora Profesora de Guión e Edición Audivisual na Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo.

CHELO LOUREIRO
Ésta productora é da miña cidade, Ferrol. É responsable da división de animación da produtora galega Continental, ten experiencia no campo da xestión cultural e dos medios de comunicación (La Voz de Galicia, Grupo Sargadelos, Grupo La Capital), así como no eido da produción executiva (Lúa Films), tanto a nivel estatal como internacional. Ademais desde 2008 conta coa súa propia produtora, que se chama Abano Producións.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario